Thursday 19 de September de 2024

Os cincuenta nenos e nenas do Verán Activo 2021 desfrutan dunha xornada con inchables e obradoiros na piscina municipal de Lousame


As actividades teñen lugar en espazos abertos e todas as persoas participantes no campamento seguen un estrito protocolo contra a Covid: toma de temperatura, desinfección…

Os 50 nenos e nenas que participan no campamentos Verán Activo 2021 do Concello de Lousame, que teñen lugar do 12 ao 23 de xullo, desfrutaron esta mañá dunha xornada especial de festa na piscina municipal, acompañados de inchables acuáticos e obradoiros da man de Infantilandia. Unha actividade na que estiveron acompañados pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, quen salientou o gran traballo que están a desenvolver tanto os técnicos municipais como o voluntariado que se encarga do coidado da rapazada.

Agrafojo puxo en valor que “son uns campamentos adaptados ás circunstancias actuais, nas que a seguridade dos nenos e nenas ten que estar por riba de todo”. Neste sentido, destacou “o traballo dos técnicos municipais de Deportes, Voluntariado e Cultura na coordinación dos campamentos e a gran resposta do voluntariado local, grazas ao cal sempre podemos facer actividades en Lousame”.

A concelleira de Cultura salientou tamén a boa resposta das familias, que están a permitir o funcionamento do sistema de deixada e recollida das crianzas sen teren que baixar do vehículo. As familias chegan nos vehículos e o persoal dos campamentos tómanlle a temperatura cun termómetro de infrarroxos ao pequeno (e se supera os 37 graos non pode quedar). Ademais, cada cativo ten que pasar un proceso de desinfección de calzado, mans con xel hidroalcohólico e dos obxectos. Así mesmo, cada obxecto que é empregado por cada cativo nas actividades non se volverá a usar no campamento, garantindo así a máxima seguridade.

Durante a próxima semana, a rapazada desfrutará de rutas de sendeirismo, xogos populares, campionatos de videoxogos e de waterpolo… e mesmo dunha viaxe imaxinaria a Turquía, na que contará con dúas guías de excepción: Ebru Karaca e Dilara Güven, as dúas voluntarias turcas chegadas a través do proxecto europeo “Actividades interxeracionais de voluntariado”, que tamén colaboran no desenvolvemento destes campamentos.